Congresos

CONGRESOS CIENTÍFICOS

Cómpre destacar que os congresos sobre cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas desta Asociación son únicos no Estado Español, non existindo ningún evento deste tipo en ningunha outra comunidade. Dende o primeiro congreso celebrado en Poio no ano 2009, esta asociación leva organizado nove congresos, ademais de diversos roteiros de cruceiros pola Terra Chá.

Moitas das ponencias presentadas a estes congresos son froito dun traballo de inventario e catalogación de cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas que están realizando algúns dos relatores, que cada ano estudan polo miúdo un concello para aportar nestes congresos os resultados das súas investiagacións  Como exemplo, podemos citar os traballos sobre os cruceiros da Ribeira Sacra lucense, comarca que, ata agora, carece dun censo exhaustivo deste tipo de monumentos, a pesar de que entre eles se atopan algúns dos exemplos máis notables da provincia de Lugo. Outro tanto podemos decir dos cruceiros da Mariña Luguesa e de Ourense, provincia esta última que se caracteriza por unha case total ausencia de traballos sobre os seus cruceiros.

Pero ademais, hai que salientar que estes congresos non se limitan ao estudio dos cruceiros galegos e dos seus autores, senón que tamén se incorporan relatorios sobre estas manifestacións da devoción popular existentes en outras latitudes. Así, en anteriores edicións figuraban relatorios sobre cruceiros de Castela, Asturias, Valencia, etc., pois, en contra dunha falsa opinión moi xeneralizada, tamén existen cruceiros en outras comunidades de España. Tamén existen cruceiros en Portugal, sendo varias as achegas realizadas sobre diversos investigadores sobre estes monumentos do país veciño. As cruces de pedra de Bretaña, Irlanda, Gales, etc., teñen cabida tamén nestes congresos, pois na investigación etnográfica resulta fundamental a análise comparativa, xa iniciada por Castelao a finais dos anos vinte do século pasado coa publicación de As cruces de pedra na Bretaña.

Todos estes congresos teñen como resultado un continuo avance nas investigacións sobre os cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas de Galicia fundamentalmente, investigacións reflectidas nunhas publicacións que contribuíron, nos últimos anos, a crear un corpus bibliográfico sobre este tema que non ten parangón no resto do Estado Español, onde os estudios sobre cruceiros son moi reducidos.