Trátase do cruceiro da Capela de San Antón, situado na rúa Alfonso X o Sabio de Lugo, concretamente no adro da capela de San Antón, “reconstruída y ampliada por el entusiasmo de los vecinos de Fingoy” en setembro de 1964. Este cruceiro foi realizado no ano 1991, segundo reza nunha inscrición que figura na súa base e na que figura tamén a sinatura de Payo, que se corresponde co nome de Vidal Payo Fernández, artista nado en 1915 na parroquia de Alemparte de Lalín, concello pontevedrés, no que tamén finou no ano 2008. De formación autodidacta, Payo é autor dunha abundante e variada obra (a pesar de que só se puido dedicar de cheo á escultura a partir dos anos sesenta do pasado século), entre a que podemos atopar figuras –sobre todo de mulleres- bustos, escudos, imaxes relixiosas, fontes, etc., destacando tamén na súa produción os cruceiros, quizais a especialidade na que máis destacou. Esta obra que nos ocupa levántase sobre dous chanzos: un de cachotería e outro de granito. A súa base, de forma cúbica pero coas arestas superiores rebaixadas, dá paso a un fuste cuadrangular no imoscapo e octogonal no resto, que amosa no lado principal a imaxe de San Antón co Neno, mentres que o capitel está ornamentado con volutas e veiras. A cruz, de aparencia leñosa, presenta no anverso a efixie de Cristo e no reverso a da Virxe.
Añadir comentario