Outras actividades

OS 101 MELLORES CRUCEIROS DE GALICIA.

O coñecemento que teñen os integrantes desta asociación destes monumentos en toda Galicia permitiu que nos anos 2014 e 2015 levaran a cabo un catálogo cos 101 mellores cruceiros de Galicia, catálogo no que se recollen as mellores obras deste tipo existentes na Nosa Terra atendendo a criterios de antigüidade, artísticos, históricos e etnográficos. Lamentablemente este catálogo permanece ainda inédito, pero se trata dun traballo rigoroso destinado a poñer en valor estas manifestacións da devoción popular. Ademais, o seu fin é a súa inclusión no Rexistro de Ben de Interés Cultural da Xunta de Galicia destes monumentos, pois se ben por lei están declarados BIC, non figuran inscritos en ningún tipo de rexistro, tal como establece a lexislación.

No vindeiro ano, está prevista a publicación deste catálogo, co obxecto de contribuír á difusión e posta en valor destes monumentos.

OS CRUCEIROS GALEGOS. PATRIMONIO DA HUMANIDADE.

Galicia é o país do mundo con maior número de cruceiros (as estimacións máis recentes cifran en máis de 8.000), cruceiros que se caracterizan por unha gran variedade tipolóxica e cronolóxica, destacando tamén polo valor artístico de non poucos exemplares e polo seu valor etnográfico. Ademais contan cun grande arraigo popular e, se ben non son orixinarios de Galicia, foi no noso país onde este tipo de monumentos experimentaron unha maior difusión, ata o punto de converterse no elemento máis típico e tópico da nosa paisaxe e nunha icona da nosa identidade como pobo. Baixo estas premisas, o plenario do IV Congreso Galego de Cruceiros, celebrado en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 2012, acordou “escomenzar os trámites necesarios para que a UNESCO declare formalmente os cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas de Galicia PATRIMONIO DA HUMANIDADE. Xustifícase a decisión polos singulares valores materiais e inmateriais destes monumentos da arte popular galega, que adoitan estar ligados, xa dende a Idade Media, aos vellos camiños de peregrinación.”