Quen somos?

No ano 2009, un grupo de etnógrafos galegos que centraban os seus traballos de investigación nos cruceiros, cruces e petos de ánimas de Galicia, todos eles autores da meirande parte das obras escritas sobre estes monumentos en Galicia dende a publicación, en 1950, de As cruces de pedra na Galiza de Castelao, celebraron un congreso en Poio (Pontevedra) co obxecto de contrastar e intercambiar información sobre estes monumentos da nosa arte popular. Neste congreso, o primeiro que se realizaba en Galicia e no Estado Español sobre este tipo de construcións, decidiuse crear a ASOCIACIÓN DE AMIGOS DOS CRUCEIROS, CRUCES DE PEDRA E PETOS DE ÁNIMAS, asociación legalizada ao ano seguinte e que constitúe a única entidade deste tipo existente, non só en Galicia senón en todo o Estado Español. Entre os obxectivos desta asociación figuran, no artigo 5.1 dos seus estatutos, os seguintes fins:

  • Promover a conservación, restauración e recuperación dos cruceiros, cruces, cristos, petos de ánimas, esmoleiros e demais construcións deste tipo existentes en Galicia, así como os de outros lugares que garden relación cos galegos.
  • Fomentar o estudo, investigación, coñecemento e divulgación de todas estas manifestacións da arte popular, tanto no seu aspecto material como inmaterial.
  • Velar pola integridade destas contrucións, apoiando todas aquelas iniciativas encamiñadas a súa revitalización e posta en valor.
  • Promover e colaborar en todas as actividades que esteñan en consonancia con estes fins, tales como congresos, seminarios, xornadas e xuntanzas de estudo, así como exposicións e roteiros para o seu coñecemento e divulgación.
  • Editar publicacións sobre diversos aspectos dos cruceiros, cruces, cristos, petos de ánimas, esmoleiros e demais construcións deste tipo.

2.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a asociación organizar as seguintes actividades:

a.- Congresos, cursos, seminarios, xornadas e conferencias.

b.- Viaxes, excursións, exposicións e roteiros culturais.

c.-  Manter contactos e relacións con asociacións semellantes, con organizacións técnicas e científicas relacionadas co patrimonio cultural, así como con institucións docentes, independentemente da súa nacionalidade e sen outras limitacións que as establecidas nas leis vixentes.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Dende a súa creación, esta Asociación, herdeira de Castelao no seu estudo destes monumentos, levou a cabo un traballo decidido na defensa e conservación dos nosos cruceiros, así como tamén no seu coñecemento e difusión, con especial incidencia na investigación sobre os mesmos. Este traballo poñémolo de manifesto nos Congresos Científicos, dos que cómpre destacar que son únicos do Estado Español, non existindo ningún evento deste tipo en ningunha outra comunidade. Dende o primeiro congreso celebrado en Poio no ano 2009, esta asociación leva organizado nove congresos, ademais de diversos roteiros de cruceiros pola Terra Chá.