Roteiros

No eido etnográfico, un dos aspectos que máis chama a atención da Terra Chá é o seu elevado número de cruceiros. Así, entre os concellos que conforman esta comarca (Abadín, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade e Vilalba) suman máis de 450, sen contar as cruces e os cristos, cifra realmente espectacular se a comparamos coa de outras zonas de Galicia.

Unha das características destes cruceiros é a súa gran variedade tipolóxica, se ben os máis frecuentes son os do tipo Carboeira, denominación que empregamos para designar un modelo  realizado por esta dinastía de canteiros oriunda da parroquia vilalbesa de Román.

Co obxecto de dar a coñecer este importante patrimonio etnográfico, ao que hai que sumarlle o valor artístico de non poucos exemplares, é polo que naceron estes ROTEIROS DOS CRUCEIROS CHAIREGOS. Con eles preténdese dar unha visión xeral destas manifestacións da arte e da relixiosidade popular, con un percorrido por algúns dos seus exemplos máis salientables, para coñecemento do gran público e contribuír así á súa posta en valor.

Estes novidosos roteiros, os primeiros que se realizan na provincia de Lugo, están guiados polos etnógrafos Fernando Arribas Arias, José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez, autores de diversas publicacións sobre os cruceiros chairegos, que explican durante os itinerarios as características e peculiaridades dos situados nesta comarca.

Estes roteiros deron comezo no ano 2008, de xeito experimental, no concello de Castro de Rei, para pasar en edicións seguintes aos concellos de A Pastoriza (2012), Cospeito (2013), Abadín (2014) e Vilalba (2015). Cada edición contou coa asistencia de máis de 30 persoas, a maioría de cada un dos concellos, o que lles permitiu coñecer a importancia dos seus cruceiros, na maioría dos casos pouco valorados por descoñecemento.