
Vogal
Clodio González Pérez
Mestre, historiador e etnógrafo. Académico correspondente da Real Academia Galega e Cronista Oficial do concello de Cenlle (Ourense). Membro do padroado do Museo do Pobo Galego, da Fundación Antonio Fraguas Fraguas e do Instituto de Estudios Tudenses, e das extintas seccións de Etnografía e Folklore do Instituto de Estudios Gallegos “P. Sarmiento” e da de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega. Premio nacional de prensa do certame “Artesanía, tradiciones y costumbres de España” os anos 1984, 1985, 1986 e 1987; premio de investigación da Deputación de Pontevedra (A festa dos maios en Galicia. Unha aproximación histórico-antropolóxica ó Ciclo de Maio, 1987, e A produción tradicional do ferro en Galicia. As grandes ferrerías da provincia de Lugo,1992) e da Deputación de Ourense – Romaría Raigame (As varandas de ferro dos corredores e balcóns do Ribeiro, con X. R. Marín, 2008) e da Fundación Peña Novo (“pola súa traxectoria vital como investigador no campo da etnografía e da historia de Galicia”, 2013).
Autor de libros, traballos de investigación e artigos xornalísticos, entre os que hai varios sobre os cruceiros: “O milagre da lactación de S. Bernardo nun cruceiro do século XVI”, 1990; “Santa Xoana de Chantal en dous cruceiros galegos”, 1993; Os cruceiros (Museo do Pobo Galego, 2003); Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa, (con X. R. Marín), 2003; “Cruceiro” (Gran Enciclopedia Galega, 2004); “A representación dos instrumentos da Paixón nos nosos cruceiros”, 2010; “O cruceiro de Pena Corneira ou de Lamas. Aproximación estilística e ensaio de datación” (con J. D. Conde e X. R. Marín), 2011; “O cruceiro de Lamas (Boqueixón – A Coruña). Aproveitamento dunha peza románica” (con J. D. Conde), 2012; “O cruceiro ou cruz do Home Santo (Santiago de Compostela): Historia e lenda”, 2014; “Cruceiros do concello de Cenlle (Ourense)”, 2015; “Os calvarios galegos: Bueu, Beade e Castro Barbudo”, 2015; “Os viacrucis da cidade de Santiago de Compostela”, 2017, etc.
Sobresae o seu labor a prol dos cruceiros de capela, dos que levaba publicado a catalogación de varios concellos e algúns estudos: Concello de Rois, 1989 -1991; “Un cruceiro ben documentado: o de Teaño (Boiro, A Coruña)”, 1990; Concello de Santa Uxía de Ribeira”, 1992; “Los cruceros de capillita” (Revista de Folklore, 1993); Concello de Brión, 1995; Concello de Ames, 1997; Concello de Rianxo, 1998-1999; “O cruceiro de capela de Berrimes (Lousame): Obra do escultor noiés Xosé Ferreiro?”, 2001; Concello de Dodro, 2001; Concello de Lousame, 2003; “Os cruceiros de capeliña: advocación, antigüidade e área xeográfica”, 2009; “A área xeográfica dos cruceiros de capeliña. Concellos de Noia, Outes e Valga”, 2013, etc.