Estanislao Fernández de la Cigoña

Vicepresidente

Estanislao Fernández de la Cigoña

Email:

Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, naceu en Vigo. Publicou máis de cen libros, trinta deles relacionados cos cruceiros e petos de ánimas de Galicia.

No ano 1997 recibe o premio de investigación Xesús Taboada Chivite polo seu traballo sobre os cruceiros de encravo e desencravo. En xullo de 2002 noméase vogal titular do Consello Galego de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. O 13 de xullo de 2003 recibe o título de Mosense Distinguido, malia levar tan só uns poucos anos residindo no concello de Mos. No ano 2004, no pazo da Pousa (Barcelos – Portugal) a Universidade Miñota hónralle o 16 de outubro coa súa máxima distinción: a Encomenda ao Mérito Cultural. A finais dese mesmo ano o Instituto de Estudos Miñoranos outórgalle a mención especial do premio xornalístico Nano Cambeiro polo seu artigo “Unha visión africana no esteiro do Miñor”. O 14 de abril de 2005 foi invitado especialmente polo Congreso dos Deputados (Madrid) e concretamente pola Comisión que estaba a investigar as consecuencias do afundimento do petroleiro “Prestige”, dada a súa calidade de experto en aves mariñas das costas galegas, para expor os resultados das súas investigacións trala catástrofe. Ese mesmo año, recibe das mans do Presidente da Xunta de Galicia D. Manuel Fraga Iribarne, a Medalla de Galicia, reservada, segundo lenda que figura gravada na mesma “Aos bos e xenerosos”. No ano 2011 recibe el premio Cumbres del Suido polos moitos traballos feitos e publicados no ámbito das comarcas do Condado e A Paradanta. Por último, no ano 2012 déronlle a medalla de prata como colofón do LI curso do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles, no que tamén interveu, pola súa constante contribución na defensa do medio ambiente galego.

Debemos lembrar que foi, xunto a Juan José Burgoa Fernández o iniciador dos congresos sobre cruceiros en Galicia, pois organizou o I e II, celebrados en Poio e Ponteareas, respectivamente, e que, despois, deron lugar ao nacemento da Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, figurando na súa xunta directiva como vicepresidente. Na actualidade dirixe, ademais, a Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía dende a súa fundación.