Lois Ladra

Vogal

Lois Ladra

Email:

Son natural da Coruña, mestre en Arqueoloxía pola Faculdade de Letras da Universidade do Porto (Portugal), DEA en Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, licenciado con grao en Xeografía e Historia pola Univ.Complutense e licenciado en Antropoloxía Social e Cultural pola UNED.

Traballo habitualmente como arqueólogo e antropólogo na planificación, implementación e desenvolvemento de proxectos de catalogación, investigación e activación do patrimonio cultural galaico-portugués con Lúnula,Servizos Profisionais de Arqueoloxía (lunulapatrimonio@gmail.com)

Na actualidade son vogal da Asociación de Amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas de Galicia. Tamén formo parte de outras entidades culturais como a Ribacvdana – Associação de Fronteira para o Desenvolvimento Comunitário ou a Plataforma RIONOR – Rede Ibérica Ocidental para uma Nova Ordenação Raiana.

Ao longo das tres últimas décadas participei en numerosas campañas de escavacións arqueolóxicas na Península Ibérica, especialmente en castros e  túmulos funerarios. Tamén realicei traballos de campo e de gabinete conducintes á elaboración de varias cartas arqueolóxicas municipais en concellos galegos, portugueses e leoneses.

Como investigador independente, escribín unha ducia de monografías e mais de medio cento de artigos en revistas especializadas. Teño publicados varios libros en galego e castelán: Arte relixiosa popular na Terra de Valga. Cruceiros, cruces e petos de ánimas (A Coruña, Fundación Pedro Barrié, Col. Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia, 2002), Caneiros, pescos e pesqueiras. A pesca tradicional nos rios de Galiza (Santiago de Compostela, Editorial Sotelo Blanco, 2008) e Ángel del Castillo: Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia. Estudios introductorios (en colaboración con Alfredo Vigo Trasancos, A Coruña, Fundación Pedro Barrié, 2008).

Algúns dos resultados das miñas longas estadías laborais en Portugal plasmáronse nos libros Tecnologia tradicional do sumagre no Douro Superior. Etnobotânica, história, cultura e património (Vila Nova de Foz Côa, Fundação Côa Parque, 2013), A cultura da amêndoa no Douro Superior. História, tradição e património (Peso da Régua, Museu do Douro, 2013), Estudo histórico e etnológico do vale do Tua (Porto, Eds. Afrontamento, 2017) e Arqueologia da indústria moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza (Carviçais, Editora Lema d’Origem, 2018).

Son colaborador habitual do Anuario Brigantino, así como de outras publicacións períódicas. Encetei os meus traballos sobre as cruces de pedra no ano 1999, cando recibín o Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo pola catalogación de grande parte da arte relixiosa popular do concello de Valga (Pontevedra). Posteriormente, como socio fundador e vogal da Asociación de Amigos dos Cruceiros, teño participado ao longo das últimas duas décadas en todas as edicións anuais dos seus congresos, con estudos realizados in loco sobre as cruces de pedra en outros contextos euroatlánticos como Portugal, Bretaña, Escocia, Irlanda e Illa de Man.

Fun honrado con varias distincións meritorias no ámbito dos estudos etnohistóricos: Premio de Investigación Cátedra no 2006 (telleiras do concello de Ares), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no 2008 (arquitecturas da pesca), Premio Raigame – Xaquín Lorenzo no 2011 (embarcacións fluviais tradicionais) e Premio de Investigación Fermín Bouza-Brey (pesca fluvial artesanal).